15/4/11
25/8/09
Afganistán: O que chaman democracia
Rebelión
O acontecido nas recentes eleccións de Afganistán pódenos servir para comprobar ata onde pode chegar o proceso de “xibarización” do concepto de democracia. “A UE considera que os comicios son un fito na democratización de Afganistán”, titulaba O País o 23 de setembro. Unha vez desenvolvidos os mecanismos de convencemento necesarios para conseguir modular as intencións de votos dos cidadáns, basta con reducir a iso un sistema para decretar a democracia. En Afganistán o 80% dos cidadáns non saben ler nin escribir polo que non poden ler ningún programa electoral e só un de cada catro ten acceso a unha televisión para ver as mensaxes dos candidatos. Ningún candidato que xurda do pobo ten a posibilidade de viaxar polo país para explicar as súas propostas. Os electores afgáns teñen ao 50% dos seus fillos sufrindo malnutrición, cada día morren 600 nenos por enfermidades evitables. 2'3 millóns de habitantes sobreviven ilegalmente cultivando opio.
Xa en 2005 a ONU gastara nas dúas convocatorias electorais un terzo do diñeiro destinado á reconstrución do país. O goberno español anunciaba o pasado mes de abril que España, como está “comprometida co proceso de democratización” de Afganistán, destinará “cinco millóns de euros a adestramento do Exército Nacional Afgán e catro millóns para o fondo electoral”. Esa é toda a axuda; obsérvese que está en consonancia co concepto que se ten de democracia: soldados e eleccións.
O modelo dominante traballa para que ninguén se plantee que é imposible unha democracia entre cidadáns que non saben ler nin escribir, que non teñen para comer, cuxos fillos morren diariamente por falta de asistencia e que só poden traballar cultivando droga ilegal para o resto do mundo. O pasado maio, con motivo das eleccións en India os medios non cesaban nas súas referencias a ese país como a democracia máis poboada do mundo (RTVE 13-5-2009, Europa Press 17-5-2009). A maior democracia do mundo votou, chegaron a titular algúns medios. A ningún ocorréuselle dubidar desa afirmación con 620 millóns de cidadáns vivindo con menos de 1,35 dólares ao día.
Cicais poderían preguntar a moitos afgáns ou indios se cambiarían a súa papeleta por un prato de arroz, un medicamento para a diarrea ou o acceso a auga potable. Así poderían saber moitos europeos e estadounidenses o que pensan alí da súa democracia.
20/4/08
16/4/08
Rafael Torres -Martes 8/05 as 20.15
RAFAEL TORRES (Madrid, 1955), escritor e xornalista, publica dende fai quince anos a súas columnas diarias en máis de 30 xornais de toda España aboados á axencia que os distribúe (OTR-Europa Press). Asemade escribe dende sú
a fundación no xornal “EL MUNDO”, colabora na revista "Interviú"e participa como analista en programas de radio ("Lo que es la vida", RNE) e de televisión ("Día a día", Tele-5).
Autor de case trinta libros de xéneros diversos (súa novela "Ese cadáver" converteuse nun acontecemento literario en Francia e está incluída nos programas de estudio de varias universidades dese país), ha dedicado súas derradeiras creacións literarias á Guerra de España e a súas interminables consecuencias. Escritor, pois, de la Historia na maior tradición española de Galdós, Baroja, Valle Inclán, Eduardo de Guzmán ou Daniel Sueiro, completa con "Desaparecidos de la Guerra de España: 1936-?" á pentaloxía sobre a Guerra que tamén integran "El amor en tiempos de Franco", "Ese cadáver", "Los esclavos de Franco" y "Víctimas de la Victoria", isto dous últimos con notable éxito editorial.
Obtivo o premio Ateneo de Sevilla 2004 por súa novela 'Los náufragos del "Stanbrook"').
As luces da República
As luces da República
Vigo, rúa da Segunda República, 14 de abril de 2008
Estimados compañeiros e compañeiras:
Reunímonos para recordar a xesta democrática que un día coma hoxe de hai setenta e sete anos protagonizaron os nosos avós. Facémolo sen nostalxia, sen saudades ningunhas, movidos pola convicción profunda de que aquel lume de esperanza acendido por eles o 14 de abil de 1931 continúa aceso na memoria de moitos corazóns, convencidos de que aqueles seus ideais de renovación democrática, de liberdade, de igualdade e fraternidade están hoxe plenamente vixentes. Aqueles ideais son, tamén, hoxe os nosos ideais
Todos sabemos que nos reunimos nun espazo emblemático da memoria republicana viguesa. En fronte nosa, no muro do león de Pedro Domeq, contiguo ao edificio “El Moderno”, quedaron sinaladas as marcas de fusilaría que o 20 de xullo de 1936 acribillaron, tras a lectura do Bando de Guerra do capitán Antonio Carreró Verges, a Lenin Moreda Vázquez, un rapaz de só catorce anos, que o profesor don Xesús Alonso Montero considera o primeiro mártir vigués da represión.
Lembrar hoxe a efeméride do 14 de abril de 1931, un día que foi vivido pola xeración dos nosos avós como un auténtico estourido de alegría, é, ademais, un acto de estrita xustiza histórica; mais aínda nunha cidade como Vigo que, xunto a Eibar e Barcelona, se adiantou en proclamar, tras os resultados das eleccións municipais do 12 de abril, a chegada da nena bonita.
Efectivamente, foi o tipógrafo socialista Enrique Heraclio Botana (logo fusilado o 27 de agosto de 1936 en Pereiró, xunto a outros mártires), quen, en representación da xunta republicana viguesa, izou na tardiña daquel martes, catorce, a bandeira tricor na viguesa casa do concello. Abríanse así cinco anos nos que se realizou un colosal esforzo de modernización social baseado na consideración da “pedagoxía como a auténtica ciencia de transformar as sociedades” e na declaración dunha guerra aberta contra o analfabetismo e a ignorancia. Afirmábase así o valor central da educación e da cultura como luces para o progreso e para a convivencia cidadá. Só, alicerzados sobre estes valores, crían os dirixentes republicanos, se podería lograr que España fose unha auténtica democracia.
Estas ideas eductivas republicans, defendidas polos membros da Institución Libre de Enseñanza e do movemento de intelectuais rexeracionista, calaron tan fondo que, coa perspectiva do tempo transcorrido, debemos considerar a aquel período republicano como o dunha revolución educativa sen parangón na nosa historia. Tras a creación dunha escola primaria unificada (neutra, coeducadora, gratuita e obrigatoria), planificouse a construción de 27.000 mil escolas (2.200 en Galicia); acometéndose, tamén, a formación de mestres e pedagogos e a mobilización cultural promovida polo Patronato das Misións Pedagóxicas co obxecto, como sinalaba o director xeral de Instrución Pública Rafael Llopis, “de sacudir da modorra a esa España rural e inxusta que permanecía aferrada á tradición monárquica, liberando aos seus habitantes do caciquismo que caracterizou o réxime canovista e a ditadura de Primo de Rivera”.
As Misións Pedagóxicas chegaron a Galicia en 1933 contando coa participación do inesquecible Rafael Dieste, ou doutras figuras galegas como o poeta Lorenzo Varela, o pintor Urbano Lugrís ou Otero Espasandín. En medio centenar de poboacións galegas desenvolveron exposicións pitóricas polo día e charlas e proxeccións cinematográficas pola noite, ademais de contribuír a montar bibliotecas escolares, un feito inaudito, daquela: só na provincia de Pontevedra creáronse 155 en dous anos.
Aquelas luces educativas reformistas da Segunda República estendéronse ademais a un amplo programa de democratización e de procura de avances sociais: aprobouse o voto feminino, procurouse a incorporación da muller a algúns gobernos e procedeuse a separar a Igrexa e o Estado; aprobáronse os Estatutos de Autonomía de Cataluña, Euskadi e Galicia abríndose, por vez primeira, a posibilidade de construción dunha España plurinacional e do recoñecemento da súa diversidade lingüística e cultural.
Setenta e sete anos despois, cómpre recoñecer aquel esforzo de vitalidade democrática e transformación modernizadora emprendido nun intenso tempo de entusiasmo, truncado infelizmente pola intolerancia dos que se alzaron contra o poder lexitimamente constituído e acometeron unha feroz represión xenocida.
Xa é tempo de recuperar a historia e recoñecer dunha vez o esforzo realizado por todas aquelas persoas que prenderon e mantiveron contra vento e marea acesas as luces da República. Mais tamén este noso tempo é o acaído para expresar a vixencia e actualidade dos ideais republicáns de globalización de fraternidade, de finalización dos privilexios da igrexa e da coroa, de afirmación do laicismo na organización da sociedade, de honestidade e austeridade no exercicio do goberno e da profundización da participación da cidadanía na xestión do público.
Compañeiros e compañeiras: manteñamos acesas as luces da República.
Saúde e República!
Viva República!
[Texto lido por Manuel Bragado]